Casa de Xan de Ghabián.

Abrigo nun afloramento de xisto que ten unha forma decrecente en altura e anchura, dende a boca ata o fondo. A boca de entrada mide 2’30 metros de alto no punto máis elevado da viseira, e 4’90 m de ancho. No interior o abrigo conserva o que parece un importante sedimento de terra, moi horizontal, e a boca de entrada está delimitada por unhas pedras, algunhas dispostas aparentemente de forma artificial. O abrigo alcanza unha profundidade de 9’30 m ata o remate do embude no que se estreita a cova; se ben, o fondo que se podería definir como habitable, e ata onde alcanzan os sedimentos de terra, ten unha profundidade de 4’60 m. É dicir, a superficie habitable está comprendida entre 15 e 22 m2.

Na superficie do sedimento foi atopado un pequeno anaco de cerámica lisa, de cor escura , que ten polo envés pegadas de ser modelado a torno. A pesar do reducido tamaño da peza, semella que se podería adscribir ao mundo romano ou medieval, máis ca unha etapa posterior. En todo caso, é un elemento significativo da posible ocupación do abrigo nunha etapa histórica.

O emprazamento do abrigo é moi semellante a outros dous da zona. Está situado nun cantil rochoso da ladeira dun val encaixado de montaña, por onde corre un dos regatos que constitúen a ampla cabeira do río Deza. A boca está orientada cara o norte.