San Tomé de Parada é unha parroquia rica en augas. O seu territorio está cruzado por numerosos ríos, regatos e mananciais que alimentan pozos de rega, lavadoiros e fontes que foron, ao longo do tempo, non só elementos fundamentais para o desenvolvemento dos labores agrarios e da vida senón tamén lugares de socialización, de encontro, de ritos, de crenzas e de lendas. Hoxe en día todos estes elementos cobran un novo valor: o valor do patrimonio etnográfico e do patrimonio inmaterial dunha aldea, dunha cultura e dun pobo. Fontes como a do Rego do Foxo, a dos Buxos, a de Fraiz, a do Piollo, a do Outeiro ou a de Redemuíños e lavadoiros como o do Barro, o de Parada, o do Outeiro ou o do Soutonogueira son testemuños deste legado. Xa que logo, cómpre revalorizalos e conservalos como digna herdanza das xeracións futuras.
Lavadoiro cuberto dunha soa pía situado no lugar do Barro. Como acontece con outros lavadoiros da contorna, descoñecemos a data exacta da súa construción pero si sabemos que foi transformado, e case reconstruído de novo, posiblemente nos anos 70 do século XX. O aspecto actual data da última restauración acontecida no ano 2009 co gallo da creación da “Ruta da Auga” de Parada. Este lavadoiro foi un punto de referencia importante da parroquia, incluso dos labores de pastoreo. As casas do lugar do Barro, a Casanova e do Portapazos tiñan como punto de xuntanza do gando ovino este lavadoiro do Barro, dende o que partían camiño do Outeiro, recollendo o resto de rabaños do lugar para, dende aquí, adentarse xa no monte.
O pastoreo comunal O pastoreo de todos os rabaños da aldea facíase de xeito comunal. Cada día un veciño xuntaba todas as ovellas das distintas casas e subía ao monte con elas. As quendas e o número de días de pastoreo repartíase en base ao número de ovellas que tivese cada familia. Cada seis ovellas correspondíalle un día de pastoreo. Cando alguén non podía cumprir coa súa obriga de pastorear as ovellas da veciñanza adoitaba contratar a un pastor para que fixese o seu traballo. Pagábaselle 5 ptas. e a comida do día. O pastoreo das cabras seguía un procedemento similar, aínda que se pastoreaban á parte das ovellas. Este tipo de pastoreo comunal mantívose vivo ata os anos 50 do pasado século.
Situado no lugar da Braña, é o lavadoiro de maior tamaño da parroquia de San Tomé de Parada. Tiña inicialmente unha soa pía para lavar e tres pedras de lousa para fregar a roupa, unha máis pequena para as moza. Foi restaurado por primeira vez sobre o ano 1947, sendo alcalde de barrio Manuel de Meiseiro. A última restauración data do ano 2009. Hoxe en día, consta de dúas pías e está dotado dunha longa pedra corrida de lavado -formada por 10 lousas- situada na parte interior do lavadoiro.
Alimentado por un bo manancial, do que se di que nunca seca, este lavadoiro remata nunha caudalosa fonte: a Fonte de Parada. A Fonte de Parada ten unha pía en cuxo canto cóntase que os veciños afiaban os fouciños e as gadañas. O desgaste da pía débese a este feito e ao seu continuo pisado, ao longo das décadas, cos típicos zocos de soleta con chatolas. Non é esta a única fonte de Parada rica en historias. Na fonte do Rego do Foxo víanse misteriosas luminarias, da Fonte dos Buxos dise que as súas augas son moi boas para a saúde e a uns cen metros do lavadoiro, xa no lugar de Carreira, atópase a Fonte do Piollo, a fonte milagreira por excelencia de Parada.
Un lugar de socialización das mulleres
Así como o home tiña tradicionalmente ámbitos de socialización específicos, como podía
ser o lugar de traballo, a taberna ou incluso o exército, as mulleres tamén tiñan os seus
propios ámbitos de socialización e dentro destes, a parte da casa, a igrexa ou os espazos
comunais de traballo como o forno ou os muíños, os lavadoiros xogaron un importante
papel. Nos lavadoiros atopábanse os veciños, falábase de todo, dábase conta das novas
da aldea, dos ruxe ruxes e, como non, tamén era lugar de canto pois, en Galicia, o
traballo sempre foi da man da música e do canto. Contan os veciños que as mozas de
Parada que casaban fóra da aldea unha das cousas que máis botaban de menos da súa
terra era, precisamente, este lavadoiro e o tempo que pasaran nel.
Os lavadoiros tamén eran lugares de mocear xa que ata eles acudían os mozos co
pretexto de coller auga ou de que lles quedaba de paso á leira ou ao lugar de traballo,
sabedores de que alí se xuntaban as rapazas. Temos un bo exemplo disto no que
acontecía no lavadoiro do Outeiro. Este lavadoiro tiña a pedra de lavar de cara ao camiño.
As mulleres, fartas de que os mozos foran verlles as pernas, déronlle a volta a pedra para
poder lavar pola parte de dentro da construción e evitar así as miradas indiscretas.
A partir dos anos 80 do pasado século os lavadoiros caeron en desuso, a medida que nas
casas se xeneralizaba o uso de lavadoras. Deste xeito, moitos deles quedaron
abandonados e esquecidos, ou relegados a un uso moi esporádico, tan só cando había
que lavar pezas de roupa que, polo seu tamaño ou volume, non cabían nas lavadoras.
Estes cambios tecnolóxicos unidos aos fondos cambios sociais das últimas décadas
fixeron que se perdese un espazo fundamental de socialización feminina nas
comunidades tradicionais galegas.
A Fonte do Piollo, no lugar de Carreira, é, sen lugar a dúbidas, a fonte que máis patrimonio inmaterial atesoura de todo Parada. Estamos, segundo a crenza, ante unha verdadeira fonte curativa e milagreira, especialmente indicada para o tratamento de doenzas infantís como o anghenido ou o asombro. Tamén se di que antigamente o enterrador, despois de dar sepultura a xente, viña lavar as sachas a esta fonte . O rito de curación do anghenido tiña lugar en dúas fases e en dous sitios diferentes de Parada: a Fonte do Piollo e a igrexa parroquial. Primeiramente levábase o neno doente a pasar baixo a imaxe do San Tomé, facendo un rito de circunvalación ao redor do retablo maior do templo. Despois cumpría achegar o neno ata a Fonte do Piollo onde era lavado nas súas augas esconxuradoras. Finalizado o rito, o cativo era vestido con roupas limpas. En canto á curación do asombro, cómpre explicar que asombro é como se lle denomina tradicionalmente a unha doenza infantil cuxos síntomas son que o neno ou nena amosa un medo constante e asústase por todo. O rito curativo consistía en coller auga desta fonte milagreira e botarlla por riba ao neno de súpeto e sen que este se decatase do que ía acontecer. Noutra variante do rito dise que a auga hai que botarlla cando o cativo se atopa na cama durmindo, co que o susto aínda é maior e, xa que logo, o poder esconxurador da auga e do rito tamén.
A escola de Parada fíxose antes da Guerra Civil, aproximadamente cara ao ano 1930, e foi construída pola Administración pública. Transcorridos uns anos, debido ao incremento de nenos na aldea, a escola quedou pequena e no ano 1945 foi ampliada. O custo das obras de ampliación e a man de obra correu a cargo dos veciños e das veciñas de Parada. A parte dereita da casa corresponde a escola orixinal e á esquerda á parte ampliada polos veciños.
Co paso do tempo a escola perdeu a súa función como centro docente pero o seu uso como lugar de xuntanza dos veciños e espazo de socialización non desapareceu. Hoxe en día a vella casa da escola é a sede da Asociación de Veciños de Parada e nela celébranse cursos, ruadas, reunións de veciños e moitas outras actividades lúdicas e culturais que lle devolveron a vida a esta antiga escola rural.Antes de facer a escola de Parada as aulas impartíanse na coñecida como Casa da Escola Vella ou Casa de Julio de Mediodaldea. Nesta casa particular, hoxe habitada, tamén era o lugar onde se facían as ruadas ou rúas que, no caso de Parada, tiñan sona en toda a contorna.
Nos seráns podían estar presentes as mulleres adultas da familia ou algún home para velar pola boa marcha da xuntanza e pola seguridade dos participantes. Nas ruadas non só se cantaba e bailaba senón que os vellos tamén achegaban os seus contos, anécdotas e outras historias. Tampouco era raro que no transcorrer da ruada se realizase algún tipo de xogo. En Parada, a parte da organización das propias Ruadas, as fiadas, as espadeladas e as esfolladas que se organizaban ns diferentes casas da parroquia adoitaban converterse tamén nun acto festivo con xogos, cantos e música, similar ás ruadas.
Estas xuntanzas desempeñaban un importante labor sociocultural, pois servían para favorecer as relacións sociais dos veciños e veciñas e, sobre todo, dos máis novos que atopaban nas ruadas unha oportunidade de se coñecer e mocear ou, simplemente, de bailar e de estar xuntos nun período do ano onde apenas había momentos lúdicos ou festivos nin festas patronais. Asemade, era un xeito de manter vivo e de transmitir o noso patrimonio musical, as nosas tradicións e a nosa literatura oral. E tamén era o momento para ensaiar os cantos de nadal, e organizar outros eventos festivos colectivos do ano (entroido, etc). Xa que logo, a súa función socializadora como mecanismo de enculturación e de transmisión da cultura é claro e de grande relevancia nas sociedades tradicionais.
Malia todos os cambios sofridos, estas xuntanzas mantivéronse ata os nosos días, e hoxe en día, aínda que desprendidas do seu aspecto relacionado cos labores do campo ou da casa e xa esquecidas aquelas roldas de mozos e aquelas vellas maneiras de galanteo e cortexo, seguen a celebrarse por todo o país os seráns, as ruadas e os fiadeiros como mostra dun rexurdir na nosa mocidade do interese en conservar e coñecer estas antigas xuntanzas rurais.
Informe realizado por Ab Origine. Antropoloxía, Produción e
Xestión Cultural S.L.L. por encargo de A Citania. Arqueoloxía S.L.