Alvariza do Carril do Souto.

Esta alvariza de planta rectangular e acomodada ás condicións do terreo está formada por muros de dúas caras de cachotería en seco e cunha altura que oscila entre os 2 e 3 metros. Na súa parte norte está cimentada sobre o rochedo.

O muro ten unha pequena porta polo Leste e no cume presenta unhas lousas de gran tamaño para impedir a entrada de animais que poidan comelo mel. Non está cuberta.

Foi construída nos anos vinte do S. XX por José Luaces Taboada. Tamén plantou, no seu interior, varios buxos para facilitar a alimentación das abellas.

A alvariza sitúase nas abas do Monte das Serras, nun terreo de acceso pouco doado orientada ao mediodía e protexida do norte. Nas proximidades está o regato da Devesa dos Frades, con vexetación abundante para que as abellas teñan unhas condicións idóneas para súa dieta.