A ruta da Auga de Parada PR-G 124

Parada

É a parroquia con maior superficie do Concello de Silleda. 0 nome delata a súa importancia no paso de camiños cara ó Ribeiro, Silleda, A Ulla e mesmo Terra de Montes. Esta parroquia marca a fronteira sur do Concello , compartindo propiedade do Monte Candán, o máis alto de Trasdeza (1.014 m) cos concellos de Lalín e Forcarei.

 

Lavadoiro de Parada

Emprazado no lugar de Parada, entre A Braña e as casas da Carreira. A data de construción do lavadoiro foi ó redor de 1948-1949, era o maior lavadoiro da parroquia.

A fonte que o surte, fonte de Parada, nace a 5 m máis ou menos de onde está agora, nunha antiga leira onde se construíu unha casa, pero á fonte isto nunca Ile afectou, nunca secou, bota a mesma auga en Febreiro que en Setembro, e a auga sempre saíu limpa. Onde nace, ten unha arqueta, ven por un rego que ten pedras polos lados e lousas de xisto por riba.

Naqueles tempos (supoñemos que nos anos 40-50) había unha soa pía para lavar, dúas pedras de xisto para fregar a roupa e unha pequena onde lavaban as rapazas.

0 canto da pía da fonte, gastouse polas chapras dos zocos cando a xente ía coller a auga e por afiar os fouciños cando se ía a herba. Lavaba unha muller na pía, había que estar esperando a vez, daquela había casas de dez e de doce persoas.

Os mozos, como non había outra diversión, collían a sacha e pasaban por alí, se había mozas volvían anicados para mirarlle as pernas, xa que había que estar moi dobladas para lavar, a que se decataba poñía o mandil por detrás.

Nos tempos de antes, como había que traballar o liño para facer sabas e colchas, xuntábase a xente para espadelalo e para fialo. Á noite había ruada de pandeiretas e luz de candil de gas Os mozos dícían "vouche bailar con fulana que ten as pernas gordas" sería porque había poucas..., había moita fame.

Tiñamos baldes para levar a auga á casa, poñíase unha rolla na cabeza e o balde enriba e paraba só, un caldeiro na man e non caeras, se non alá marchaba todo. Unha avoa andaba con chocolate na faltriqueira, que Ile chamaban daquelas, os rapaces esperábana na fonte, e todos querían levarlle o caldeiro á casa para que Iles dera chocolate.

 

 

Fonte do Rego do Foxo

Emprazada no lugar do Rego do Foxo, fornecía a auga para regar o froito de Parada, íase buscar cando tocaba e vixiábase para manter a rega. Nos pozos do Rego do Foxo botábase o liño a abrandar e cubríase cunhas lousas cada pozo servia a catro ou cinco casas.

Dicían que era un lugar que daba medo, que nos pozos do Rego do Foxo víase unha luz, antaruxadas, cousas doutro mundo. Se tronaba a xente non quería pasar por alí.

 

 

 

Lavadoiro do Outeiro

Atópase no lugar do Outeiro. Na fonte contábanse os contos, enredaban os mozos, e as veces había algún chapizón. 0 lavadoiro antes estaba de costas ó camiño, hai poucos anos que lle deron a volta -xa se entende polo qué-.