Pena das Ferraduras

Gravados rupestres situados no extremo sueste dun afloramento rochoso, que destaca do terreo ao situarse nunha lombiña. A laxe de xisto onde se localizan os gravados mede 2’30x1’60 metros e ten unha altura de 1 m pola parte superior do terreo, mentres que pola inferior destaca máis.

Entre os motivos gravados obsérvanse unhas 15 ferraduras, unhas 7 cruces, algunhas cazoletas, un motivo oval e outro semellante a un podomorfo. Os motivos están bastante ben conservados, aínda que non son fáciles de ver se non é con luz rasante.


Foto: Tono Arias (dispara.org)

A peneda ten algunhas lendas, conforme recollemos de Gumersindo Luaces Taboada. Conta que, segundo dicía un veciño (Bautista Liñares), xa morto: Os homes antes de casarse viñan á Pena das Ferraduras e facían unha talla para que lle fora ben no matrimonio. Segundo o mesmo informante, a uns 100 metros dos petróglifos pasa un camiño chamado dos arrieiros, polo que traían viño procedente do Ribeiro e levaban carbón da Terra de Montes.