Os alicerces da ruta da auga (2008).

Parada é terra de auga, dende A Veiga, lugar que a limita ao carón do río Asneiro, ata o monte Candán, queda un gran treito onde abondan: regos, regueiros, regatos, caneiros, presas, portelos, brañas, minas... e como non fontes e lavadoiros.

 

Fai anos comentabamos con tristeza algúns veciños, a pena que daba ver o lavadoiro de Parada tan deteriorado, cuberto de lama, pensar neste lugar que fora tan importante na hixiene da parroquia, na conversa, no moceo, espazo de tanta actividade social atopábase tan abandonado.

Eramos tamén conscientes de que non podíamos facerlle fronte para reparalo. De casualidade nun encontro de antigos veciños e compañeiros de escola, soubemos das axudas de AGADER e pensamos que ao mellor podían servir para restaurar o noso querido lavadoiro.

Así o propuxemos, pero contestáronnos que era un proxecto non viable, moi cativo e que tiña que se acompañar de máis contido. De aí xurdíu a idea de presentar un proxecto máis completo para arranxar 3 lavadoiros públicos da parroquia, 6 fontes públicas, a Casa da Escola e acondicionar unha ruta de sendeirismo coa auga como elemento estrela.

De aí naceu a “Ruta da Auga, Fontes e Lavadoiros de Parada”., unha ruta de sendeirismo circular de 6´7 kms. de lonxitude.

Comezamos a argallalo no ano 2008. Neste proxecto participou moita xente, os técnicos que o deseñaron, os albaneis, os veciños que o propuxemos e aportamos o noso traballo nas obras e como relatores do que en Parada aconteceu na primeira metade do século XX, e onde a auga anda sempre polo medio e... Fíxose unha interesante recollida do que antaño pasaba en Parada, contáronnos de cando se ía a lavar, ao muiño, a torna-la auga, á fonte, a bañarse ao río no “Puzo das mulleres”, no “Puzo dos homes”, a buscar a auga ao monte, a rega no verán, as quendas da rega, abirtar os prados, os homes que fixeron as minas, os que arranxaban os muiños, a mágoa das mozas ao casar para fora e despedirse dos contos no lavadoiro..., a historia das presas do monte, construídas polos veciños na súa totalidade e restauradas tamén por eles no ano 1.988.

As presas do monte son dúas:

- Presa do Barro: sae do fondo da “Presa do Rego dos Molfes” no monte de Laro.

- Presa de Parada: Sae de 50 metros máis arriba, tamén na parroquia de Laro, recolle a auga que ven da “Devesa dos Frades” e da “Cabana” de Laro. As dúas están feitas de pedra en varios tramos, discurren paralelas ata modificar o sentido no “Val de Lamelas”.

Tamén se fixo recollida de cantares, das ruadas....