A empresa A Citania Arqueoloxía levou a cabo unha actuación integral sobre o xacemento coa escavación en área de todo o interior do recinto, salvo da zona marcada como reserva arqueolóxica, realizándose tamén a escavación do sector exterior oeste do castelo para , deste xeito, poder definir a planta da segunda liña de murallas nesta zona da fortaleza.
Os traballos de consolidación e restauración resultaron fundamentais á hora de recuperar e integrar todos os restos visibles do xacemento arqueolóxico, tanto os localizados durante a nosa actuación como os existentes en anteriores intervencións. Con esta fase de traballos compleméntanse as anteriores intervencións arqueolóxicas realizadas durante a pasada década na Rocha Forte, as actuación comezaron no ano 2002 cunha curta intervención arqueolóxica pero que permitiu un primeiro estudo histórico sobre a fortaleza, e continuaron con diferente intensidade ata o ano 2009.
Todas as intervencións arqueolóxicas efectuadas evidencian o alto potencial patrimonial da fortaleza que vai máis aló da súa condición de Ben de Interese Patrimonial. Mostrándonos o castelo non so como unha parte fundamental do noso patrimonio histórico senón como unha vía de comprensión da historia, entendida non como un momento no tempo, senón como a evolución dun elemento desde as súas orixes ata os nosos días.