Organización e coordinación da IIIª FESTA DE CONMEMORACIÓN DA BATALLA DE RANDE

Durante o mes de outubro de 2016, A Citania participou na organización da IIIª Festa de Conmemoración da Batalla de Rande, levada a cabo dende o MEIRANDE, o Centro de Interpretación da Batalla e o Patrimonio Cultural de Rande, en Redondela, centro ao que estivo vinculada a empresa CITANIA dende o seu xérmolo.

A festa está promovida polo Concello de Redondela e a Asociación Deportiva e Cultural de Rande, e se pretende consolidar a data da celebración no conxunto de eventos festivos do Concello.

A Batalla de Rande é un acontecemento de suma importancia xeral para Galicia e todo o país, onde estiveron involucradas as entonces maiores potencias militares e comerciais do mundo: España, Francia, Inglaterra e Holanda. Na contenda participaron máis de 20.000 persoas e participaron máis de 179 barcos. E son tamén de suma importancia  as consecuencias culturais e materiais que levou consigo este magno evento histórico: busca do tesouro con máis de 200 expedicións internacionais; novela de “20 Mil Leguas de Viaxe Submariña” do famoso escritor Xulio Verne e innumerables obras de ensaio sobre o acontecemento; etc.

.
.

Asemade, toda a historia da Enseada está colmada de feitos históricos e artísticos de importancia, entre os que cabe destacar a importancia xeográfica e histórica da Illa de San Simón, situada ao pé da praia de Cesantes; aínda que non son menos relevantes os feitos asociados á batalla de Rande; ou a historia da Fábrica do Alemán, conservas Boyé, que recibe o seu nome de Otto Gerdtzen Boyé, quen a comprou nos anos 40 do século pasado, e que estaría implicada tamén en feitos de transcendencia internacional asociados esta vez coa IIª guerra mundial.

Por se isto non é suficiente, o fito paisaxístico que representa a Enseada está ademais fortalecido pola existencia dun ecosistema natural de excepcional valor. Incluído dentro da declaración de Rede Natura 2000, polas súas características naturais.

A Asociación Deportiva e Cultural de Rande (ADCRande), xunto coa CITANIA foron promotoras dende o ano 2003 do Proxecto MEIRANDE, mediante o que se pretendía crear un Centro de Interpretación sobre a Batalla de Rande na Fábrica do Alemán, unha vella fábrica de conservas arruinada na costa de Rande. Neste intre o MEIRANDE, está xa construído e dotado de contido, agora hai que darlle actividade e promocionalo para que sexa coñecido, xunto aos feitos que pretende poñer en valor e coas institucións que apoiaron a iniciativa.

.
.

 

Temos a plena convición de que un centro de interpretación, debe concibirse como un lugar activo, en contacto co exterior. Ten que estar en contacto coa xente, adaptándose aos tempos e ao que reclaman os seus visitantes.

Nesta conxuntura xurde a idea da “Festa de Conmemoración da Batalla de Rande”, pensada como un evento lúdico e festivo ao que pretendemos darlle tamén un obxectivo didáctico (sobre os feitos que aconteceron no 23 de outubro de 1702) e divulgativo (de todos os contidos do MEIRANDE, e do propio Centro de xeito Xeral).

Temos moi clara a demanda social neste intre producida polo Centro, reflíctese no volume de público que acude a cada unha das convocatorias de portas abertas convocadas pola ADCR ou polo Concello de Redondela e queremos que a dinámica sexa esa: que se siga achegando o maior número posible de persoas na nosa comarca e fora dela as actividades organizadas. E é sobre todo por este motivo que consideremos atractiva a organización dunha xornada festiva por tratarse dun acto multitudinario.

 

 

. .
© Citania Arqueoloxía S.L.