Instalación de pasarelas de observación de petróglifos en Chan da Cruz e Poza da Lagoa, Monte Penide-Monte Mirallo, Redondela (Pontevedra)

Durante o mes de novembro de 2016, A CITANIA levou a cabo a instalación dunhas pasarelas de madeira para a observación e accesibilidades destes dous conxuntos de arte rupestre.

Os traballos consistiron na limpeza e acondicionamento dos arredores dos xacementos para a continuación colocar e instalar as madeiras das pasarelas de observación; ademais repuxéronse os paneis explicativos  e demais cartelería informativa.

As reflexións sobre as necesidades patrimoniais da construción das pasarelas planeaban xa entre os obxectivos do proxecto de intervención:

- Incrementar a percepción sobre o valor dos gravados, realzando a súa exposición.

- Procurar a conservación dos gravados, impedindo que se pisen as rochas.

- Axudar na observación, percepción e entendemento dos petróglifos.

- Mellorar o acceso ao recurso eliminando as barreiras naturais, producidas pola propia topografía dos penedos.

A construción destas pasarelas axudará na labor de concienciación e valoración dos gravados rupestres, xa que, en concreto estes dous conxuntos, trátanse duns elementos patrimoniais moi maltratados polo paso do tempo a través de accións puntuais e actividades económicas do ser humano.

.
.

Valoración dirixida cara ao público visitante pero, sobre todo, entre a veciñanza máis inmediata (CCMM Trasmañó e demais comunidades veciñas propietarias). Xa que logo, a maiores da propia administración, son estes propietarios os albaceas da conservación deste patrimonio.

Este incremento do valor (social, cando menos) dos xacementos arqueolóxicos, sobre todo entre a veciñanza, que crea identificación cos propios lugares, incrementa as posibilidades de conservación destes elementos irrepetibles, en estado de abandono e ameazados por numerosos atentados (rabuñados con xices e pedras, queimados os paneis informativos, rodeados de lixo, ameazados por repoboacións e actividades forestais, e un longo etcétera).

.
.

Ademais, as pasarelas re-dirixen a observación dos gravados impedindo que se pisen os penedos; co problema engadido de que Chan da Cruz está incluída nun percorrido polo que pasan motos de motocrós e bicicletas de montaña por riba da rocha.

Coa instalación das pasarelas e os valados non imposibilitamos este tránsito, pero creamos barreiras psicolóxicas e legais que, polo menos, impediran que os autores e autoras destes atentados sigan apelando ao recurso do descoñecemento para seguir facendo as súas tropelías.

O entendemento, creando unha exposición permanente dirixida ao gran público, é tamén necesario para a valoración dos xacementos arqueolóxicos. Queremos recalcar na insistencia e no esforzo realizado para a colocación dos paneis interpretativos e, sobre todo, na reposición do panel grande de recibimento en Poza da Lagoa, con información xeral e destruído xa en dúas ocasións. A súa reposición reafirma a vontade e o compromiso da dirección da obra, o socio da CITANIA Xurxo Constela, da veciñanza comprometida co patrimonio, e da corporación local que comezou co desenvolvemento do proxecto de musealización de “Monte Penide Prehistórico”.

.
.

E por último, e non menos importante, a vontade de eliminación das barreiras, neste caso naturais que non arquitectónicas, creando unhas estrutura que permiten, dentro das posibilidades da topografía do BIC, a accesibilidade universal sen restricións ás cadeiras de rodas.

Consideramos que o estado de abandono, coa instalación destes observatorios, se poderá ver superado, xa que se trata de recursos valiosísimos dentro do Concello de Redondela.

.
.

 

Lembramos as palabras de Manuel Rey García, director do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro no vídeo promocional de “montepenideprehistorico.com”:

“(...) Os traballos de posta en valor e recuperación da arte rupestre teñen un obxectivo a longo prazo, é un traballo continuo e constante de sementar para recoller no futuro, neste sentido calquera iniciativa que se produza no eido da conservación da arte rupestre son benvidos para a visibilización da arte galega en conxunto (...)”

Nesta liña queremos seguir traballando en Penide/Mirallo, a achega de cada un de nós, na medida das súas posibilidades, con proxectos de maior ou menor calado, poderán seguir xerando as sinerxías necesarias para a valoración da arte rupestre, ata chegar a ser conscientes de que contamos “cun dos conxuntos de arte rupestre máis importantes do continente europeo” (parafraseando de novo a Manuel Rey).

Cada elemento de xeito individual, crea un cosmos uniforme, sendo todos eles pezas dun puzle, imprescindibles e irrepetibles.

 

 

. .
© Citania Arqueoloxía S.L.