Campo de traballo para a intervención de restauración, limpeza e acondicionamento da Fonte das Catro Estacións”, nos Xardíns do Pasatempo de Betanzos (A Coruña)

Durante o mes de xullo de 2016, A Citania organizou o Campo de Traballo para a intervención de restauración, limpeza e acondicionamento da “Fonte das Catro Estacións”, nos Xardíns do Pasatempo de Betanzos.

A Fonte das Catro Estacións formaba parte do gran complexo axardinado que eran en tempos os Xardíns do Pasatempo de Betanzos, construído entre os anos 1893 e 1914 polos Irmáns García Naveira, Juan Mª e Jesús, indianos e filántropos betanceiros nos derradeiros anos do sec. XIX e principios do XX, promoveron e financiaron numerosas obras no Concello de Betanzos.

O Pasatempo representa unha obra atípica dentro da listaxe de construcións promovidas polos irmáns García Naveira, xa que non ten un obxectivo máis alá da mera filantropía, educación e posta en práctica dos seus idearios liberais e gustos románticos.

Semella que a idea de Juan Gª Naveira era a de replicar o stand dunha exposición universal, que tan de moda estaban no París do séc. XIX. Calcúlase en 90.000 m². a superficie ocupada orixinalmente polo Parque, dos que se conservan só unha décima parte tras unha longa ruína durante a posguerra.

A Fonte estaría integrada no Pasatempo, pero agora está xa desgaxada do conxunto conservado. Esta disociación do parque fai que a fonte monumental estea descontextualizada, o que xunto co seu deficiente estado de conservación, dificulta a correcta valorización deste Ben dentro do Pasatempo e, de xeito xeral, no conxunto do patrimonio do Concello de Betanzos.

.

Orixinalmente a fonte representaría as catro estacións do ano, mediante unha réplica da Fonte das Catro Estacións da praza Louvois de París, situada fronte á entrada da Biblioteca Nacional de Francia, obra de Jean-Baptiste Klagman (1836–1839). Na de Betanzos replícanse as catro figuras femininas, a base octogonal, as cabezas de leóns, as máscaras e os nichos con esculturas de nenos.

A Fonte das Catro Estacións de Juan García Naveira, ao igual que moitos dos compoñentes arquitectónicos que conforman o Parque do Pasatempo, está construída con materiais contemporáneos. Neste caso parece estar construída nun bloque único de formigón con alma de ladrillo.

Os traballos mencionados consistiron na organización dun Campo de Traballo para a limpeza da fonte promovido polo Concello de Betanzos, e a súa posterior limpeza e consolidación:
- Valoración e diagnose do estado do ben e Redacción dun proxecto de restauración.
- Limpeza e consolidación preventiva da Fonte.
- Limpeza e acondicionamento do parterre que rodea a Fonte.
- Difusión/Divulgación do proxecto.

O proxecto de restauración foi dirixido pola restauradora Begoña Albertos.

. .
© Citania Arqueoloxía S.L.