A Casa da Neve de Campo Eirado foi obxecto dunha intervención arqueolóxica en xuño do ano 2024, na cal se levou a cabo o baleirado do entullo interior procedente da antiga cúpula e unha limpeza do perímetro exterior. A intervención foi financiada pola Axencia Galega de Turismo e promovida polo Concello de Xunqueira de Espadanedo coa colaboración da Comunidade de Montes de Pardeconde.
A intervención arqueolóxica sacou á luz varios elementos significativos das neveiras:
- O pozo de neve, trátase dunha gran construción dun diámetro interior duns 8 m revestida dunha fábrica de cachotaría de granito. Na parte superior do alzado do muro poden observarse unha secuencia de fiadas de grandes perpiaños de granito que estarían vinculados coa cúpula construída no ano 1735.
- Entrada de servizo na orientación leste. Realizada no chan, a documentación histórica menciona que era tapada mediante terróns de terra. Esta entrada estaba vinculada a un pavimento de lousas empregado para facilitar a descarga de neve no interior do pozo.
- Entrada principal na orientación norte, que segundo a documentación histórica estaba pechada baixo chave. Dende esta os operarios podían acceder ao interior do pozo a través dunha escaleira de pedra.
- Na cota baixa do pozo, se poden apreciar unha serie de canalizacións escavadas no substrato, deseñadas para evitar que a auga desconxelada ou filtrada afectara ao xeo almacenado. Estas cantes desembocan nun desaugue principal. situado na parte baixa do paramento oeste.
Dende o punto de vista da documentación histórica, as primeiras referencias documentais datan de finais do século XVII. Nese momento, o Cabido da catedral. de Ourense arrenda a neveira o seu propietario, o mosteiro de Xunqueira de Espadanedo. En 1735, debido o grave deterioro da teitume de madeira e tella, a neveira foi obxecto dunha significativa transformación. Se construíu unha cúpula de pedra, obra ó carpinteiro Antonio de Castro, por un custo de 3000 reais. Esta renovación permitiu a prolongación da vida útil da neveira ata o século XIX e mellorou a súa capacidade para conservar o xeo.