Na zona de Ferrazo e Arealonga, se sucederon os achados de restos de cronoloxía romana durante as décadas iniciais do s. XX. Nunha acta do Concello do 1915, Gil y Casal recolle o achado en 1905 de varias tumbas, así como de cerámica e máis cunchas no actual emprazamento das serreirías de Ferrazo. Na mesma zona, en 1921, se atoparon restos de muros e unha serie de pavimentos relacionados cun depósito de salgado. Finalmente, o 2 de Agosto de 1940, uns traballadores , facendo un desmonte para a construción da serreiría, atoparon unha ara romana dedicada a Neptuno, xunto con algunhas moedas.
Na excavación arqueolóxica realizada pola empresa A Citania Arqueoloxía no 2019, os arqueólogos documentaron ao longo do solar todo tipo de depósitos e estruturas relacionados cos usos deste solar nas décadas finais do s. XX e inicios do XXI.
O conxunto de estruturas e depósitos situados na zona SW do solar poderían ser interpretados como os restos dunha cetaria de época romana.
Nas proximidades da cetaria identificáronse tamén dous cuncheiros, un na zona NE no que durante a escavación eran visibles restos de Ostreidae e ósos (GB09). Os materiais localizados en GB9 foron cerámica de pasta micácea para a cociña ou procesado de alimentos, ánfora, fragmentos de vidro, unha moeda e tégula.
A cetaria de Ferrazo, polo seu estado de preservación, e polos datos preliminares dispoñibles ata o momento, permitiría obter unha completa caracterización do tipo de procesado do peixe e produtos derivados (garum, muria, hallec,liquamen) realizado en época romana na costa sur de Galicia.
Os resultados da investigación arqueolóxica da empresa A Citania indican que a explotación da cetaria de Ferrazo sería en determinados momentos coetánea coas ocupacións máis tardías do Castro de Alobre, e que a partir dos materiais arqueolóxicos chegarían ata o s. III d.n.e. O estudo exhaustivo dos restos de ictiofauna e malacofauna do cuncheiro identificado no castro e localizado en posición secundaria permite identificar grandes diferencias entre a explotación dos recursos mariños durante os finais da Idade do Ferro e a explotación romana.