Sondaxes arqueolóxicas no marco das obras do abastecemento de agua a Ourense
A aparición de restos arqueolóxicos en forma de machados e lascas líticas durante os traballos previos da obra de abastecemento na zona de Caracochas fixeron que a DXPC establecese a necesidade de realizar unhas sondaxes arqueolóxicas manuais previas para avaliar a posible existencia de restos asociados ao xacemento de Montealegre.
Os traballos arqueolóxicos levados a cabo no xacemento de Montealegre concluíron con moi pouco material arqueolóxico: varios fragmentos de cerámica (principalmente medieval e moderna); dúas pezas líticas (unha lasca de cuarzo e un biface sobre lasca de cuarcita de grao groso) e algunha peza de metal (cabezas de cravos de ferro e un alfinete de bronce).
Cabe salientar a aparición en 5 das 11 sondaxes, de una serie de calcos ou estruturas negativas escavados no xabre ou no propio substrato, que presentan unha forma rectangular, cunha orientación predeterminada NL-SO na maioría deles. A súa funcionalidade non esta clara. Unha posibilidade é que teñan sido escavados para facilitar a acumulación de auga nos lugares onde se plantaban as parras para o cultivo da vide.