Antes do comezo dos traballos, levouse a cabo a roza, limpeza e clareo de arborado do castelo de xeito manual, dentro da parcela propiedade da Xunta de Galicia, cunha superficie estimada de 3.000 m2, por parte do persoal da empresa de arqueoloxía A Citania.
A continuación procedemos a realizar unha planimetría actualizada do castelo na que se delinearan todas as estruturas que se apreciaban no sitio en superficie. Tamén, procedeuse a realización dunha fotogrametría dixital das áreas de intervención de cara á súa documentación planimétrica en 3D
Os traballos arqueolóxicos realizados centráronse en 3 sectores:
Sector AE1: Esta área emprázase na zona S da torre da homenaxe, nun espazo delimitado polos afloramentos rochosos (orientacións SO-S-SL) que definen un espazo elevado sobre o que se asenta a torre da homenaxe.
A continuidade das estruturas exhumadas no ano 2016 e aparición de novas estruturas de similares características que progresivamente ían definindo unha estancia (estancia 1) cuxo interior foi baleirado parcialmente constatándose potentes niveis de espolio e derrubo que nalgunhas áreas chegaba a acadar os dous metros de potencia.
No límite SL rexistramos sobre un gran penedo exento un gran rebaixe con características formais semellantes as de unha pía de grandes dimensións. De funcionalidade indefinida, si que semella ter unha relación con outra das estruturas singulares detectada nesta orientación: un alxibe rexistrado na zona na que se realizou a sondaxe S3 do ano 2016
Sector AE2: Situábase na parte NO da Torre da Homenaxe.
En 2017 se exhumáronse unha serie de estruturas arqueolóxicas entre as que destaca unha construción de planta cadrada acaroada ao paramento da torre.
A presente intervención centrouse no baleirado total do interior desa estrutura e a escavación do entorno inmediato, sendo localizada outra estrutura de gran porte sobre a que se apoia un dos muros da estrutura cadrada.
Sector AE3: Situado no andar inferior da torre, cunha superficie duns 25 m², , a intención inicial era a de baleirar na súa totalidade os recheos internos e chegar ata a cota do pavimento orixinal. Isto foi imposible pola presenza dun potente nivel de que foi irresponsablemente depositado nesta área. Por tanto, a actuación reduciuse a unha pequena sondaxe de 4,5 m² nun dos esquinais que nos permitiu rexistrar por completo a secuencia estratigráfica nesta área da torre.
Limpeza da muralla
O lenzo exterior da muralla estaba colonizado por un denso manto vexetal conformado case en exclusiva por hedras e fentos, e de maneira puntual por algunha especie arbustiva. Toda esta masa vexetal, na práctica impedía a visualización do alzado exterior desta construción defensiva. Para a execución dos traballos de eliminación de toda esta cobertura vexetal foi preciso recorrer a persoal especializado en traballos en altura.
Consolidación da fractura existente na muralla
Ao nordés, xusto na confluencia entre o Patio de Armas e a rolda da muralla, existía unha brusca interrupción da traza da muralla de case 3 metros de altura, deixando ver en sección o seu paramento interno, externo e conglomerado interno.