Estudo de Potenciación Turística na Enseada de San Simón
Enseada de San Simón

 1 Presentación

 2 Introducción

 3 Estudo de Patrimonio

 4 Estuario Río Pexegueiro

 5 Estudo de ruta en barco

 6 Apuntes socioeconómicos de Redondela

 7 Plan de marketing

 8 Análise de axentes que traballan na Enseada

 9 Bibliografía

 10 Conclusións

 

Fichas do inventario de recursos turísticos da Enseada de San Simón

 Interese etnográfico

 Interese arqueolóxico

 Interese industrial

 

Presentamos nesta web, unha parte dos resultados dos traballos de Estudo de Potenciación Turística na Enseada de San Simón, desenvolvido entre os meses de xullo e novembro de 2010; en concreto a parte correspondente ao Estudo sobre o patrimonio turístico da enseada, que consistiu, principalmente, na creación dunha base de datos co patrimonio tanto natural como cultural que podemos atopar na costa da Enseada de San Simón.

O Estudo de Potenciación Turística da Enseada de San Simón concíbese inicialmente como unha actuación dentro do apartado de promoción económica do proxecto marco denominado MARISMA (Mellora Ambiental e Rexeneración Integral da Marisma, Redondela, Pontevedra). Por medio do cal o Concello redondelán, con axuda de fondos europeos FEDER, promove unha actuación global na desembocadura dos ríos Alvedosa, Pexegueiro e Maceiras, moi preto do casco urbano de Redondela, orientada para recuperar o antigo humidal, tanto dende o punto de vista ambiental como dende o económico e o social. Co obxectivo final de poñer á disposición da cidadanía un lugar de esparexemento saudable e dotado de renovados e diversos servizos.

Presentamos o resultado do estudo en forma de fichas; a intención non foi só a de realizar unha listaxe dos elementos do patrimonio cultural ou das diversas especies naturais presentes, senón crear un catálogo accesible, que poña de manifesto a grande riqueza que ten a Enseada dende os puntos de vista cultural e natural, para crear unha ferramenta de xestión e reclamo de cara a un turismo máis ligado á cultura e aos valores naturais, que poda manterse ao longo de todo o ano.

Cada un dos elementos foi visitado e avaliado in situ, sendo vocación do estudo a realización dun catálogo completamente actualizado e non un mero envorcado da documentación existente.

 

 

Localización

O espazo onde se desenvolveu o traballo foi a Enseada de San Simón. Este pequeno espazo mariño baña diferentes concellos das Rías Baixas: Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa; a maiores propúxose que se incluíse unha pequena parte do concello de Moaña, na parroquia de Domaio, polo interese estratéxico de que unha ruta en barco e/ou rutas terrestres pola Enseada se achegase ata a Ponte de Rande.

O proxecto que nos atinxe tivo unha vocación principalmente redondelá, xa que a explotación destes recursos realizarase e canalizarase dende o Concello de Redondela, principal foco xeográfico (valorándose a posibilidade de colaboración cos outros concellos ou entidades que traballan na Enseada de cara a obter novas fontes de financiación para a explotación dos recursos).

Toda a historia da Enseada está colmada de feitos históricos e artísticos de relevancia, entre os que hai que destacar á Illa de San Simón, situada ao pé da praia de Cesantes; aínda que non son menos destacados os feitos asociados á batalla de Rande; ou a historia da Fábrica do Alemán, “Conservas Boyé”, que recibe o seu nome de Otto Gerdtzen Boyé, quen a mercou nos anos corenta do século pasado, e que estaría implicada tamén en feitos de transcendencia internacional asociados, esta vez, coa IIª guerra mundial.

A historia antiga e moderna deste entorno xeográfico, sumada á chegada da época contemporánea, coa proliferación de empresas e a industrialización, creou unha verdadeira “Paisaxe Cultural”, entendendo por esta o froito das transformacións provocadas polas persoas que habitan na zona e a propia industrialización. Esta singularidade xeográfica da Enseada faina exemplarizante do modelo económico e cultural das Rías Baixas galegas.

Por se todo isto non fora suficiente, o fito paisaxístico que representa a Enseada está ademais fornecido pola existencia dun ecosistema natural de excepcional valor,  incluído dentro da declaración de Rede de Natura 2.000, polas súas características naturais.

A Enseada representa para a cidadanía redondelá e do resto dos municipios que baña, un recurso económico de primeira orde; sen contar aínda coas posibilidades do seu desenvolvemento turístico.

 

O patrimonio arqueolóxico e histórico na Enseada de San Simón

Falar do patrimonio na Enseada de San Simón é unha cuestión de amplitude, se ben tratouse enfocado sobre o patrimonio marítimo, referido aos bens que tiñan relación co mar e, sobre todo, aos bens que visualmente se asocian coa Enseada.

No que atende ao patrimonio arqueolóxico, o concello de Redondela e os outros que ocupan a nosa área de traballo son destacados pola súa forte raizame prehistórica e antiga, ao contar cunha costa chea de elementos patrimoniais relacionados coas etapas máis antigas do tempo: mámoas, petróglifos, castros, castelos e fortalezas…. Esta grande cantidade e variedade pon de relevancia a destacada calidade de vida que ofrece a nosa costa, tamén, durante os primeiros tempos da historia.

Destacan sobre todo entre os xacementos antigos, principalmente os asentamentos de adscrición romana, e os castelos ou baterías defensivas.

Coincidindo coa cronoloxía romana aparecen asentamentos na costa en forma de pequenos centros produtores mixtos (salgadura e produción agrícola) situados en relación coas das vías de comunicación (tanto terrestres como marítimas). Neles localízase abundante cultura material romana (“cerámica fina”, “terra sigilata”, ánforas, cerámica de construción, moedas, vidro...). Tanto O Pazo (O Viso) e A Portela (Cedeira), coma O Outeiriño (Arcade) teñen esta consideración, aínda que tamén Soutoxusto onde se atopou unha estela romana.

Ao observar cun pouco de perspectiva os lugares de actividade ou ocupación romana na Enseada de San Simón e comparalos coa actividade que neles se desenvolveu ao longo do tempo, poderíase deducir que a poboación da época romana se interesaría principalmente pola produtividade da costa (os areais da Portela, Arcade, Soutoxusto e Rande, seguen a ser centros marisqueiros na actualidade) e deixou, como agasallo, o ensino da actividade pesqueira.

Deste modo, se non se está na disposición de asegurar que foi a romanización a que achegou o mar á cidadanía destas terras, si se pode dicir que amosaron os lugares apropiados para quitar o mellor partido da incontable fonte de riquezas coas que convivían.

Do tempo da Baixa Idade Media existen aínda edificacións, como o Castelo de Uveiras, o Ex-convento de Vilavella, a Igrexa Parroquial de Santiago en Redondela, a Igrexa Parroquial de San Martiño de Vilaboa, a Igrexa Parroquial de San Adrián de Cobres, ou a Ponte Medieval de Pontesampaio, mentres que doutros elementos dese período só quedan referencias nas fontes escritas.

Xa metidos na Idade Moderna atopamos numerosas casas-torre, casas grandes e pazos: a Casa-torre de Prego, a Casa do Petán, o Pazo dos Pousadouro,…, tamén ermidas e igrexas: a Capela de Santa Mariña ou das Angustias en Redondela, a Ermida da Nosa Señora do Viso,…, así como as mencionadas fortalezas ou baterías defensivas no Estreito de Rande e na Ponte de Pontesampaio.

Entre os bens inventariados para a Enseada encóntrase a Ponte Medieval de Pontesampaio, sobre a desembocadura do río Verdugo. A historia da ponte quedou ligada á batalla que nela tivo lugar en xuño de 1809 contra as tropas de Napoleón. Antigamente era o único paso sobre a ría da estrada de Pontevedra a Tui, aínda que non se ten constancia do momento da súa construción; no sec. XIII xa recibía doazóns nos testamentos co nome “Ponti Snacti Pelagii de Luto”.

O Castelo de Uveiras foi unha edificación de época moderna realizada para ter o control da entrada á Enseada, e consecuentemente, foi destruído na incursión máis relevante que pasou polo Estreito de Rand: a invasión inglesa de 1702 na que, tras vencer aos barcos da flota de Indias, os exércitos ingleses e holandeses destruíron tanto esta fortaleza como as dúas de Rande.

O Castelo de Rande tivo o seu parello na outra cara da costa, a Batería da Punta Corveiro, dende a cal se tiraba unha cadea ata o Castelo de Rande para controlar o acceso á Enseada de San Simón. Pode ser que o Castelo de Rande xa existise no séc. XVI, mentres que a do Corveiro é posterior. Ambas fortalezas foron destruídas na batalla de Rande, pois xa nese intre eran consideradas antigas fortes-torre, aínda que se armaron todo o que se puido para resistir.

Desta época tamén se podería introducir nesta relación o complexo das salinas do Ulló, composto por tres salinas, un alfolí e os dous edificios que funcionaban como casa-granxa, todos eles pertencentes nese intre aos xesuítas de Pontevedra.

 

Arquitectura e infraestruturas

O patrimonio arquitectónico dividiuse en dúas tipoloxías, unha máis relacionada coa enxeñería, representada polas obras de infraestrutura (enxeñería civil), e outra relacionada co patrimonio propiamente arquitectónico, que é o referido ás construcións para usos de vivenda, de traballo ou relixioso (arquitectura civil e relixiosa).

Un dos bens máis salientables deste apartado é a Ponte de Rande, da autoestrada AP-9. As súas características físicas fálannos dunha megaestrutura de 6.000 tn. de peso e unha lonxitude total de 695 m. cunha anchura de 23,5 m. É unha estrutura en forma de ponte colgante, suxeita por 80 cables con lonxitude total de 10 km. Entre os seus “records” está o ser unha das pontes de tirantes máis longas do mundo. Dende a súa apertura ao tráfico en 1981, xa pasaron por ela máis de 231 millóns de vehículos.

Temos ademais o trazado da vía do tren, que transcorre na beiramar durante gran parte do seu percorrido pola Enseada de San Simón, polo que unha viaxe no tren entre Vigo e Arcade permite coñecer de primeira vista á ría de Vigo. Redondela foi en tempos un lugar de enlace para o ferrocarril, dado que ata aquí chegaba o tramo de Madrid, e dende este punto partía cara Vigo ou Pontevedra. Se ben na actualidade o tramo de Madrid non funciona, ao igual que o Viaduto Madrid, si que segue en funcionamento o Viaduto Pontevedra.

Dende as últimas décadas do sec. XIX a paisaxe urbana de Redondela defínese pola extraordinaria presenza dos viadutos do ferrocarril, declarados monumentos histórico-artísticos, e fan que sexa coñecida como a “vila dos viadutos”.

O outro grande grupo de infraestruturas son as infraestruturas marítimas; na Enseada de San Simón o inventario baséase principalmente nos catro portos que alí existen: Cesantes, Arcade, Santa Cristina de Cobres e San Adrián de Cobres. A eles engadimos os antigos portos e peiraos existentes na Enseada, algúns aínda utilizados de forma limitada, e outros xa en desuso ou en estados de conservación ruinosos. Algúns destes peiraos foron dependentes de industrias que se situaban na beiramar, mentres que outros foron portos ou peiraos públicos.

Finalmente, é imprescindible mencionar a Illa de San Simón, onde se atopan non só catro peiraos de distintos anos de construción, senón unha ponte que une as illas de San Simón e San Antonio construída a partir da constitución da illa como Lazareto en 1830, e que conta con tres vans de arcos rebaixados de perpiaño e dous fitos en cada extremo da ponte sobre o petril de pedra.

O outro apartado arquitectónico do inventario ten que ver co patrimonio relixioso. En relación coa relixión cristiá, a Enseada de San Simón é moi fecunda en expresións, partindo dos primeiros cenobios que se estableceron aquí na Plena Idade Media, como na illa de San Simón.

Patrimonio etnográfico, actividade económica, industrias históricas e actuais

O patrimonio etnográfico da Enseada de San Simón está relacionado coa actividade económica, e na Enseada os principais motores económicos teñen que ver cos produtos do mar e coa extracción de materias primas.

É un grupo moi amplo en canto a elementos inventariados, xa que das actividades económicas que se citan, na Enseada lévanse a cabo en moitos dos casos procesos produtivos enteiros.

Así, en relación ao mundo do mar, entre os bens inventariados atópanse elementos relacionados coa captura, extracción ou engorde de especies e, por outra banda, o procesado e conserva, o transporte ou a produción dos útiles de traballo, sen esquecer as infraestruturas.

Caso parecido é o da extracción de materias primas; na Enseada pódense ver dende antigos fornos nos que se transformaban as materias primas, ata empresas dedicadas só ao seu transporte.

Como no caso do resto dos bens inventariados na Enseada de San Simón, o pasado mestúrase co presente, obsérvanse cambios dende o punto de vista tecnolóxico ou empresarial (en referencia á organización), pero non no tocante á actividade en se mesma, xa que se segue a producir cerámica, transportar pedra, extraer molusco ou salgar peixe nos mesmos lugares e, en certo modo, cuns modos antropolóxicos semellantes.

Ao longo da costa aparecen bateas para engordar mexillón e viveiros para distintas especies como son os que hai na Punta da Canteira, os sitios na Punta do Cabo en Cesantes ou na Riega de Soutoxusto, ou os que con anterioridade existiron na Portela ou nas salinas de Larache.

No tocante ao procesado e conserva, a finais da Idade Media e principios da Moderna, as Rías Baixas galegas foron un dos puntos centrais do mercado europeo, sendo os momentos de maior prosperidade das confrarías de mariñeiros, pero con excesiva dependencia do sal, que nos momentos de abundancia trouxo a prosperidad,e e nos de escaseza trouxo tamén a crise.

Como imaxe representativa deses momentos temos os fermosos restos do complexo da salinas do Ulló (e a de Larache, que no seu tempo formou parte do conxunto), onde aínda se poden observar os restos da Granxa e as súas hortas, pastos e prados, e un muíño de marea dos poucos que existiron en Galicia.

As maiores innovacións viron da man dos chamados “fomentadores” cataláns que axiña estableceron fábricas no litoral, como foi a situada na Regasenda, a da Portela ou a chamada “Fábrica do Alemán”. Estas empresas foron pasando dunhas mans a outras pero continuando o traballo no sector conserveiro. Na meirande parte delas pasouse nun inicio de salgar sardiña a distintos modos de conservala, modernizándose para adaptarse aos novos métodos de traballo.

Unha nova que influíu a toda a industria mariñeira foi a aparición da lata de conservas a mediados do sec. XIX, aínda que na Enseada non se desenvolvería plenamente ata principios do século seguinte.

É por estas décadas cando desembarcan os novos industriais da conserva, os Otero Bilbao, Gerdtzen Boyé, Lago Otero, Tapias ou, máis recente, Rodríguez Pascua; todos eles souberon aproveitar o momento e desenvolver a actividade no intre adecuado.

A Enseada tamén tivo un certo auxe e segue a telo na produción de útiles de traballo. Por riba de todos os demais, se ben a causa do seu número, están os estaleiros de ribeira, onde non só se facían os barcos para a pesca senón todas as naves e outros elementos subsidiarios deste sector (como son, entre outras, as bateas para o mexillón). “A Vichoa”, o estaleiro González Portela, o estaleiro de Acuña Martos, a carpintería de Agustín del Valle, o estaleiro dos Irmáns Loureiro, e outros moitos.

O outro sector industrial de mención na Enseada de San Simón, tanto no pasado como na actualidade, son as materias primas minerais das cales, como xa se sinalou, diversifícase moito a actividade, onde atopamos tanto a extracción, como a transformación e o seu transporte. No ámbito da extracción, hai que salientar distintos puntos da Enseada onde ao traballo netamente extractivo uníronselle tamén o transporte ou a transformación ou ambas, como son o Monte da Telleira, no cal como o seu nome indica asentáronse ata sete telleiras dende o sec. XVIII. Neste monte xa se extraía pedra para exportar, pero coas telleiras completouse a actividade.

Unha produción “in situ” semellante, sucedeu no caso do forno de cal que hai en Santandrán, elemento singular dentro da Enseada pola carencia de rocha caliza para fornear. O produto resultante, a cal, era transportado dende o peirao que tiña na beiramar onde se lle daba saída comercial.

Na zona próxima ao estreito que divide a ría de Vigo instaláronse dous cargadoiros do mineral que viñan das distintas minas galegas con ferro, carbón e volframio, que fixo que pasase á historia mundial polos desgraciados usos que os alemáns lle deron na II Guerra Mundial. O tamaño destes cargadoiros deixou unha forte pegada na paisaxe do estreito, os cales sucedéronse no tempo como innovación técnica, xa que se ben o cargadoiro tipo “cantilever” funcionou durante a primeira metade do sec. XX, o cargadoiro Coto-Wagner instalouse ao principio da década dos 60 para permitir o atraque de buques de maior tonelaxe.


 

O Patrimonio natural

Esta ampla Enseada está enclavada nunha cubeta de orixe tectónico; posúe uns 8 km de lonxitude e 3,6 km de anchura máxima, reducida a uns 700 m no estreito de Rande que a comunica co tramo medio da ría. Esta conformación dálle o aspecto dun lago, franqueado e resgardado por unha serie de elevacións de entre 100 e 600 m de altitude.

Son varios os cursos de auga que desembocan nesta zona, en xeral de escasa entidade, sendo os máis importantes os ríos Verdugo-Oitavén e o Maceira-Alvedosa. O primeiro desemboca na zona nordés, entre Arcade e Pontesampaio, e o segundo forma un pequeno esteiro entre Redondela e Cesantes, ao sueste da Enseada.

En xeral, os fondos da Enseada son pouco profundos, non superando os 8 m de profundidade agás no estreito de Rande e arredores. En preamar a superficie de augas rasas acada as 2.127 ha. e cobre, polo tanto, a maior parte do espazo natural, coa excepción dalgúns retallos de marisma, pequenas masas boscosas e varias illotes rochosos (Alvedosas, San Simón, Lobeira, San Antón).

O tipo climático é oceánico húmido con tendencia á aridez estival. Salvo no verán, as precipitacións son abundantes ao longo do ano acadando unha media anual de 1.600 mm, cunha ausencia case total de xeadas. É común que a temperatura media chegue a estar uns 5ºC por riba do resto de Galicia, con medias anuais de 14,4ºC.

A Enseada de San Simón engloba varios hábitats naturais ameazados de desaparición nos territorios dos estados membros, e que a Comunidade Europea considera de especial interese para conservar segundo a Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992.

Por esta razón, a Enseada de San Simón foi declarada Lugar de Interese Comunitario (código ES1140016) o 7 de decembro de 2004, xunto co resto das zonas da rexión atlántica, pasando a formar parte da Rede Natura 2000.

En Galicia xa se aprobara con anterioridade a Lei 9/2001, do 21 de Agosto, de conservación da natureza (D.O.G. nº 171 de 4/9/2001. Pp 11.754-11.769) na que se establecen as distintas categorías de espazos naturais protexidos; entre eles encóntrase a Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN).

A estruturación dos distintos ecosistemas fíxose principalmente pola súa posición con respecto ao réxime de mareas. Este factor vai determinar o tempo en que as distintas zonas van estar mergulladas. Baixo este criterio diferenciáronse entre:

submareal.JPG

 

 

 

 

 

A zona submareal ou infralitoral, que está constituída por aqueles terreos que se encontran permanentemente somerxidos. Nesta zona é onde a influencia mariña é maior, véndose moi afectada pola presenza das praderías de zostera.
1
A zona intermareal, que está formada por aqueles terreos que se ven afectados pola marea, quedando emerxidos dúas veces ao día. Dependendo da súa posición con respecto ao nivel medio do mar, o tempo de inmersión variará tanto ao longo do día como mensual e estacionalmente.
supramareal2.JPG
Os terreos supramareais, que son aqueles que van permanecer emerxidos sempre (incluso nas preamares máis altas). Deste grupo formarían parte as illas no interior da Enseada e os seus bordos externos.

Ademais dos diferentes hábitats incluídos neste apartado, tamén se escolleron outros pola súa singularidade paisaxística.

 

Patrimonio faunístico e vexetal

Neste apartado recóllese un catálogo de especies animais e vexetais, cada unha delas asignada a un dos hábitats anteriores, dando así unha idea da composición e estrutura deste ecosistema.

Debido a gran biodiversidade deste ecosistema é imposible recoller todas as especies presentes. Por iso houbo que realizar unha escolleita, xa fora pola súa abundancia dentro deste ecosistema ou por ser unha especie de especial interese (por exemplo, por estar no catálogo de especies protexidas).

Un par de exemplos disto son:

xuncos.JPG

 

 

Os xuncos, moi abundantes na zona da Marisma de Vilaboa, e que tamén aparecen nas zonas máis elevadas das praias e areais
sapillo.JPG O sapiño comadrón é unha especie difícil de observar, xa que habitualmente só sae dos seus escondedoiros pola noite. Sen embargo, é importante destacala, xa que é unha especie incluída no Catalogo Nacional de Especies Ameazadas, e que demostra o valor natural da Enseada como refuxio para anfibios.

Durante a exploración da zona, definíronse definitivamente os sitios naturais que se ían incluír no listado, anotáronse algunhas das súas características principais, así como a súa extensión na área da Enseada.

A base de datos de sitios naturais conta con 13 entradas, nas que se describen os diferentes hábitats ou espazos singulares da Enseada.

A realización do catálogo de especies deu como resultado unha base de datos con 149 elementos, que podemos clasificar da seguinte maneira:

  • Flora: 48 rexistros
  • Fauna: 101 rexistros

 

De entre todos eles, segundo a súa clasificación no Catalogo Nacional de Especies Ameazadas temos:

    • Non ameazados: 126 rexistros
    • De interese especial: 20 rexistros
    • Sensibles a alteración do hábitat: 1 rexistro
    • Vulnerables: 2 rexistros