O Castro das Rodeiras é un poboado fortificado da Idade do Ferro situado no cumio dun pequeno outeiro, que domina a aldea de Garellas dende o leste. O xacemento componse dun recinto principal ou croa de forma oval coa entrada principal ao SL. Esta, ábrese a un pequeno antecastro. Un foxo duns 6 m. de anchura defende o sector leste e norte da croa. Este sistema defensivo compleméntase coa presenza de fortes terrapléns todo arredor do recinto principal, que acadan a súa maior altura no sector oeste. Ao leste apréciase un terraplén de 12,5 m. e un parapeto de 4 m.Dimensións: Eixo maior (N-S) 85 m. Eixo menor (L-O) 65 m.Altitude: 655 m.s.n.m.
Aínda que o xacemento se atopa aparentemente en bo estado, débese resaltar que recentemente se apreciaban remocións na croa resultado de escavacións furtivas. Asemade, tivo alí un campo de fútbol.
Contos e Folclore: Cóntase que ten un túnel que vai ata o castro de Sanguñedo.Disque ás veces aparece unha galiña que leva uns pitos de ouro que desaparecen ao intentar collelos. Tamén se dicía que vivían alí mouros e que marcharon á guerra e algúns quedaron alí escondidos. Outra lenda di que na gabia que rodea o castro hai tres vigas, unha de ouro, outra de prata e outra de "alcatrán".
Por primeira vez fíxose unha escavación arqueolóxica no castro das Rodeiras - castro de Garellas no mes de novembro de 2020. Durante os 10 días que duraron os traballos de escavación, abríronse 4 sondaxes: 3 no recinto superior ou croa e 1 na entrada, no sistema defensivo do antecastro (terreo anexo ao castro, disposto a xeito de socalco e con forma semicircular). Fruto das sondaxes arqueolóxicas, localizáronse os restos das estruras de pedra que formaban parte da porta de entrada do castro, á que se accedía por unhas escaleiras. O castro non deixou de sorprendernos e o derradeiro día de traballos localizamos unha moa dun muíño para moer cereal.