O xacemento arqueolóxico obxecto da actuación é o Castelo Pequeno de Santigoso, A Mezquita (Ourense) inscrito no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Xunta de Galicia coa clave de identificación GA32048011.
É o castro máis alto e visible de toda a contorna. Agás cara o norte, onde se empraza o chamado “Castelo Grande” con máis altitude. O seu dominio visual é amplísimo a curta, media e longa distancia, controlando non só as chairas e vales da Mezquita senón tamén a comarca das Frieiras dende a Gudiña, parte das terras portuguesas de Tras os Montes e as zamoranas de Lubián e Hermisende.
O topónimo”Castelo Pequeno” responde a un afloramento rochoso natural, arredor do cal se constrúe o primeiro recinto ou croa. O castro desenrólase pola aba sur deste outeiro rochoso ata as terras baixas, conformando unha planta de tendencia ovalada, con tres recintos escalonados e adxacentes entre sí, ata acadar as case 10 has de superficie transformada, entre recintos habitables e defensas perimetrais.
Avaliáronse un total de 25,59 m² repartidos en 3 sondaxes arqueolóxicas. A sondaxe S1 sufriu unha pequena desviación respecto ao proxecto, situándoa en dirección Leste-Oeste para intentar coñecer mais elementos defensivos do castro. Con esta pequena modificación escavouse parte de un parapeto formado por acumulación de terras e, que durante a prospección de 2017 propoñiamos como a terceira muralla (contando dende o interior do castro cara o exterior) o primeiro foxo (rebaixado no xabre) e o inicio da muralla. Agora sabemos que esta, aséntase nun terraplén terreiro.
Tamén desentullouse un área de 32 m² sobre a muralla leste do poboado para realizar unha pequena actuación de posta en valor nun tramo da devandita muralla pétrea (principal estrutura defensiva do castro) para coñecelo sistema construtivo e o estado de conservación.
O día 12 de abril, localizouse un petróglifo dentro das murallas do Castelo Pequeno. Procedemos á elaboración dunha ficha con clave de identificación GA32048033 e cuxo nome é Petróglifo do Castelo Pequeno.